lunes, 4 de noviembre de 2019

Grego 1º BAC. ILÍADA (2) para radio.



 Aquiles pídelle á súa nai, a deusa dos mares Tetis, que axude ó seu fillo Aquiles, ofendido por Agamenón, rei dos aqueos.



  Tetis, a nai de Aquiles saíu de entre as ondas do mar e subiu, moi de mañá, ao Olimpo. Achou a Zeus sentado á parte dos demais deuses no máis alto dos moitos cumes do monte. Abrazou entón os seus xeonllos coa man esquerda, tocóulle a barba coa dereita e dirixiu esta súplica ao soberano:



  -Pai Zeus! Honra a Aquiles, o meu fillo, o heroe de máis breve vida, pois o rei de homes, Agamenón, arrebatoulle a recompensa que con tanto esforzo gañara. 



 Zeus, que amontoa as nubes, nada contestou. Gardou silencio un bo intre ata que, ó fin, dixo moi aflixido: 



 - Querida filla, a miña esposa Hera tomarao a mal e dirixirame  inxuriosas palabras. Rífame sempre sen motivo ante os inmortais deuses, porque di que nas batallas favorezo aos troianos. Pero agora vaite, non sexa que Hera advirta algo. Eu ocupareime de que isto se cumpra. E se o desexas, fareiche coa cabeza o sinal de asentimento. 



 Entón Zeus baixou as negras cellas en sinal de asentimento; os divinos cabelos axitáronse na cabeza do soberano inmortal, e estremeceuse o amplo Olimpo. Sentou Zeus no trono; e Hera, que o vira conversar coa nai de Aquiles, Tetis, a de pés de prata, dirixiulle ó soberano Zeus estas aladas palabras: 



  -Que deus conversou contigo? Agrádache resolver todos os asuntos secretamente, e xamais me dis unha soa palabra do que acordas. 



 Respondeulle o pai dos homes e dos deuses: 



 - Hera! Non esperes coñecer todas as miñas decisións, pois che resultará difícil, aínda sendo a miña esposa. O que poida dicirse, ningún deus nin home saberao antes ca  ti; pero o que queira eu resolver sen contar cos deuses, non o preguntes.



Replicó deseguido Hera, a de ollos de xovenca: 



 -Terrible Zeus! Sospeita o meu corazón que Tetis, a de pés de prata, a nai de Aquiles de pés lixeiros, che teña engaiolado. Ao amencer o día sentou preto de ti e abrazou os teus xeonllos; e penso que lle prometiches honrar a Aquiles. 



 E contestándolle, Zeus, que amontoa as nubes, díxolle:
 -Ah, desgrazada! Sempre sospeitas de mín … Pero nada poderás conseguir senón afastarte do meu corazón, o cal aínda che será máis duro. Se é certo o que sospeitas, así debe de serme grato. Tí senta en silencio e obedece as miñas palabras. Non sexa que non che poidan socorrer cantos deuses hai no Olimpo cando che poña encima as miñas invictas mans. 



 Así dixo. Sentiu temor Hera, a de ollos de xovenca e sentou en silencio. Indignáronse no palacio de Zeus os deuses celestiais. E Hefesto consolou á súa nai Hera, a dos níveos brazos: 



 - Nai, obedece ao pai querido, a Zeus, para que non volva rifar e a amargarnos o festín. Pois, se é, que lanza o raio, quere botarnos do asento... avantáxanos moito en poder. Tí afágao con palabras cariñosas 



 Deste xeito falou e, tomando unha copa de dobre asa, ofreceulla á súa nai, dicindo: 



 -Sofre, miña nai, e sopórtao todo, aínda que esteas aflixida, porque é difícil opoñerse a Zeus. Xa outra vez que quixen defenderte colleume polo pé e tiroume desde o Olimpo; todo o día fun rodando e á posta do sol caín na illa de Lemnos. Quedábame un pouco de vida  e os habitantes da illa atendérome ….



  Así dixo. Sorriu Hera, a deusa dos níveos brazos; e, riseira aínda, tomou a copa que o seu fillo lle presentaba. Hefesto púxose a servir doce néctar para os outros deuses, sacándoo da crátera; e unha risa inextinguible alzouse entre os bienaventurados deuses vendo con que afán o deus Hefesto, o ilustre coxo, os  servía no palacio. Todo o día, ata a posta do sol, celebraron o festín; e ninguén careceu da súa respectiva porción, nin faltou a fermosa cítara que tañía Apolo, nin as Musas que con linda voz cantaban. 



 Mais, cando a luz do sol chegou ao ocaso, os deuses foron  recollerse aos seus respectivos palacios. Zeus olímpico, que lanza o raio, encamiñouse ao leito onde adoitaba durmir cando o doce soño o vencía. Subiu e deitouse; e ao seu lado descansou Hera, a de áureo trono.



 Adaptación da Ilíada, I, 500ss. 




No hay comentarios:

Publicar un comentario