Mostrando entradas con la etiqueta Orixes de Roma. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Orixes de Roma. Mostrar todas las entradas

jueves, 17 de octubre de 2019

Eneas e Dido segundo Virxilio, Eneida.

 Fuxidos dunha patria arrasada, os troianos chegan a Cartago desviados do seu rumbo cara a Italia por mor da tempestade provocada pola deusa Xuno. Alí recíbeos a súa raíña, Dido, a quen  Eneas solicita hospitalidade. 

 Venus –nai do heroe–, envía a Cupido coa misión de que  namore a Dido de Eneas. Xorde entón un apaixoado amor, pero Xúpiter envía a Mercurio para que lle lembre a Eneas que non son eses os designios do hado, senón que debe partir cara a Italia.

 O heroe, pese á dor que lle ocasiona, obedece a vontade divina e deixa Cartago. Tremendamente desconsolada e ofendida, Dido decide suicidarse maldicindo o abandono de Eneas. Desde ese momento arrinca o histórico odio de Cartago cara a Roma.

 Posteriormente, cando Eneas descende ao Inferno, atópaa vagando entre os mortos por amor. Comprendendo entón que a raíña cometera suicidio á súa partida, trata de explicarlle con gran pesar que el non quería abandonala, que os deuses labraran así o seu destino; pero a pantasma de Dido non o escoita.

miércoles, 16 de octubre de 2019

Rómulo e Remo segundo Tito Livio, Ab urbe condita



[…] Cando o rei Latino oíu que todos aqueles homes eran troianos, que o seu xefe Eneas era fillo de Anquises e Venus, e que, exiliados da súa terra tras ser incendiada, buscaban un lugar para fundar unha cidade, quedou impresionado pola nobreza daquel pobo e do seu xefe, e polo seu ánimo, disposto tanto para a guerra como para a paz,. Entón, estendéndolle a man, selou un pacto de futura amizade. 

[…] Latino recibiu a Eneas como hóspede na súa casa e, ante o altar dos seus deuses, entregoulle á súa filla en matrimonio. […] Fundan unha cidade; Eneas  chámaa Lavinio polo nome da súa esposa, Lavinia. Pronto houbo descendencia do novo matrimonio, un home, ao que os seus pais puxeron o nome de Ascanio. […] Ao crecer a poboación de Lavinio,  Ascanio deixou á súa nai  esta cidade florecente e próspera, e el mesmo fundou outra nova aos pés do monte Albano que recibiu o nome de Alba Longa. 

[…] O seus descendentes procrearon a Numítor e Amulio, que acordaron turnarse no goberno da cidade. Pero Numitor, que era o maior, acaparou o reino despois de destronar a Numítor, e engadiu a este crime outro máis: eliminou a descendencia masculina do seu irmán e á súa sobriña Rea Silvia, co pretexto de honrala, elixiuna vestal e con iso quitoulle a esperanza de ser nai mediante a perpetua virxindade.

 […] Mais ocorreu que Rea Silvia foi violada e deu a luz dous fillos xemelgos e, ben porque así o crese, ben por quedar exculpada ao ter un deus como autor da súa culpa, atribuíu a Marte aquela descendencia dubidosa. Pero nin os deuses nin os homes librárona nin a ela nin aos seus fillos da crueldade do rei: apresou e encadeou á vestal e mandou que botasen ao río aos seus dous fillos. Pero por unha casualidade disposta polos deuses, o Tíber non era accesible e os nenos foron arroxados á charca máis próxima, cumprindo así o mandato do rei. 

 […] Segundo a tradición unha loba sedienta, atraída polo pranto dos nenos, baixou das montañas próximas e empezou a aleitalos . Tempo despois o pastor maior dos rabaños do rei —din que se chamaba Fáustulo— atopounos.

  Nados e criados desta forma, tan pronto como se fixeron maiores, sen descoidar os seus deberes co gando e o cortello, percorrían os montes cazando. Así se fortalecían nos seus corpos e espíritos e facían fronte non só ás feras, senón que tamén atacaban aos ladróns cargados de botín e, como repartían o roubado entre os pastores, aumentaban cada día o grupo de mozos que  os frecuentaba 

 […] Cando se enteran da sús verdadeira orixe, Rómulo e Remo devolven o trono de Alba Longa a Numítor e deciden fundar unha cidade no mesmo lugar en que foran abandonados e criados. […] Como eran xemelgos e non era posible decidir quen sería o rei baseándose na idade, encomendaron ós deuses  que designasen, por medio de agoiros, ao que daría nome á nova cidade e ao que a gobernase.

  […] Dise que foi Remo o primeiro que recibiu os agoiros, ao ver a seis voitres. E cando terminaba de anuncialo, Rómulo viu doce. Entón cada irmán foi proclamado rei polos seus partidarios, baseándose os uns na prioridade e os outros no número. A ira converteu en ensanguentado combate aquel altercado e na loita caeu morto Remo. Segundo a tradición máis difundida, Remo, para burlarse do seu irmán, saltou as murallas da nova cidade, que foran construídas por Rómulo. Entón este encolerizado matouno, mentres lle increpaba con estas palabras: «Así morra en diante todo aquel que traspase as miñas murallas». Quedando só Rómulo, a nova cidade recibiu o nome do seu fundador.